jueves, 18 de marzo de 2010

O Xacobeo Galicia estréase nas clásicas do norte con tres probas en Holanda e Bélxica

Xacobeo GaliciaO Xacobeo Galicia prepara o seu desembarco en Holanda e Bélxica para disputar entre o 21 e o 27 de marzo tres clásicas. Esta será a primeira incursión do equipo profesional galego no calendario das clásicas do norte. Ata agora o remoto contacto do Xacobeo Galicia con este tipo de probas cínguese á experiencia do ano pasado co arranque da Volta a España no circuíto holandés de Assen e a disputa doutras tres etapas da rolda española por territorios destes dous países.



Nesta triplo cita o equipo galego, baixo a dirección de Jesús Blanco Villar, presentará unha formación composta por David García, Francisco J. Pacheco, Gustavo Domínguez, Carlos Castaño, Vladimir Isaychev, Nelson Oliveira, Gustavo Rodríguez e José Antonio de Segovia ou Alberto Fernández.

A estrea será na carreira holandesa Eneco Rolde van het Groene Hart, que se disputa sobre unha distancia de 207,4 quilómetros. Neste caso a dificultade do percorrido estará fundamentalmente nas estradas angostas e o vento, que esixen potencia e determinación.

As outras dúas clásicas celebraranse en territorio belga os días 24 e 27 de marzo: A través de Flandes e E3 Prijs Vlaanderen - Harelbeke. O terreo en Bélxica cambia substancialmente con respecto á planicie holandesa. As dúas carreiras belgas ofrecen un perfil con doce muros cada unha, cotas de pouca lonxitude pero de elevada pendente, que en ambos os casos congréganse na segunda metade do percorrido.

A distancia destas dúas clásicas tamén supera os douscentos quilómetros. Nese sentido os técnicos do equipo consideran positivas as máis de sete horas diarias que os ciclistas tiveron que permanecer sobre a bicicleta a pasada semana, durante as tres etapas do percorrido da ruta portuguesa do Camiño de Santiago entre Lisboa e a cidade compostelá.

No hay comentarios:

Publicar un comentario