O ciclista do Xacobeo Galicia Ezequiel Mosquera repetiu outra gran actuación na etapa raíña da Volta a Asturias para acabar outra vez segundo, esta vez na meta de Oviedo, punto final da cincuenta e catro edición da rolda ciclista do Principado. Por diante, un admirable Tino Zaballa (Loulé) logrou o triunfo de etapa e a volta. A representación no podio para o equipo Xacobeo Galicia na xornada de clausura ostentouna Gonzalo Rabuñal, que recolleu o premio de vencedor da xeral de metas voantes.
"Eu non vendo fume", adoita dicir Ezequiel Mosquera. E non o facía o sábado cando, logo de traspasar a meta da cuarta etapa no alto do Acebo, declarou: "As miñas sensacións son boas e mañá aínda pode pasar de todo. O equipo Café de Colombia demostrou estar moi forte, pero non lle vai a resultar fácil defender o liderado de Duarte nunha carreira en Europa co percorrido que presenta a última etapa da Volta a Asturias".
Na cima dese porto astur Ezequiel Mosquera, logo de facer moito gasto, acabou perdendo tempo con respecto aos seus rivais máis directos. Aínda así, era evidente que mantiña a esperanza de que a situación dese un envorco na xornada final.
A carreira endureceuse na ascensión ao alto de San Lorenzo. Como resultado, seis corredores na cabeza: Mosquera (Xacobeo), Santi Pérez e Zaballa (Loulé), Cardoso (Palmeiras), David Gutiérrez (Footon) e o líder, Duarte (Café de Colombia), pero xa sen compañeiros nos que ampararse.
No descenso, o equipo Loulé, con dous corredores en posicións de vangarda, xógase a baza de Zaballa. Quedan 55 quilómetros a meta, pero o cántabro non se asusta. Está habituado a este tipo de aventuras e aos golpes.
Ezequiel Mosquera non se contuvo moito e, cando viu que o terreo se endurecía de novo camiño do último porto, o Tenebredo, volveu ao ataque, marchándose con Muto, Vicioso e Brenes. Pouco despois, ao comezo do porto, deixaba aos seus tres compañeiros e íase en solitario en busca de Zaballa.
Recortaría a vantaxe ata os cincuenta segundos, pero o cántabro tamén se defendía ben neste tipo de portos, asfixiantes e breves, e sobre todo, cando no seu interior sente que pode atopar unha infinidade de razóns polas que pór toda a rabia en cada pedalada. O terreo ata meta era, ademais, favorable para un ciclista das súas características.
A catro quilómetros da chegada Ezequiel Mosquera entendeu que a vitoria escapáraselle. Non podiamos chegar a verlle ben a cara, pero a súa decepción saíu igualmente a flote. Retratouna nun momento a súa estampa ciclista, de igual xeito que a de Don Quixote podía, sen necesidade de escudriñar o rostro ou a mirada, transmitir a do ‘cabaleiro da triste figura’.
Foi un momento en que a diferenza abriuse ata o minuto e medio. Logo Mosquera recobrou o seu espírito loitador para manter as diferenzas inalterables ata meta, en torno ao minuto e medio. Por detrás, no grupo do líder, chegaba o segundo corredor do Xacobeo Galicia na xornada, David García, cos tamén galegos do Palmeiras Resort Alejandro Marque e David Blanco.
Na xeral, Ezequiel Mosquera quedou tamén a un paso do podio, na cuarta posición, por detrás de Zaballa, Duarte e Intxausti, clasificados por esta orde.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario