Foi habitual falar da ‘alerxia’ que as carreiras do norte de Europa lles producen aos ciclistas españois, ou case será máis preciso dicir que lles producían, porque a forza de insistencia e mentalización foron conseguindo unha adaptación bastante boa. Para entender mellor esta situación, invitámosvos a realizar un percorrido virtual polas tres etapas do Delta Tour Zelanda, que o Xacobeo Galicia, como xa adiantaramos, disputará esta semana entrante.
A primeira etapa non ten nada especial. Trátase dun prólogo como calquera outro, chairo e moi curto, de só 2,7 quilómetros. As dúas etapas en liña, en cambio, teñen xa o perfil típico do ciclismo holandés. Sobre o plano a primeira esconde moi ben as súas dificultades. O itinerario ofrece trazos bastante rectilíneos, que en ausencia de portos, poderían considerarse ‘carne sen ósos’, aínda que a expresión nunca resulta demasiado apropiada nunha competición ciclista.
Se utilizamos a opción satélite no mapa de Google, as dificultades dese percorrido pálpanse. O ancho da maioría das pistas polas que discorre a carreira é tremendamente reducido. Iso significa, cargar prato desde a saída e loitar por unha boa colocación en todo momento, máis intensamente a medida que a carreira entra nesas zonas, as máis abundantes no conxunto do percorrido.
Engadamos, posiblemente, un pouco de vento, ‘pavés’ e uns rivais de gran envergadura, que sobre o chairo parecen locomotoras, e atoparemos a explicación a esa especie de fobia que o ciclismo español lle tivo historicamente a este tipo de probas. Noutra época do ano, falariamos, así mesmo, de temperaturas xélidas, que non debe ser o caso esta vez.
A terceira e última etapa é aínda lixeiramente máis larga que a anterior (195,8 quilómetros), e, ademais, engade un percorrido moito máis sinuoso, sobre o plano case labiríntico, e máis tramos de pavés.
Os ciclistas do Xacobeo Galicia, no entanto, fixeron incursións moi prometedoras nesas carreiras este mesmo ano. Ata hai corredores que, no persoal, botaban en falta ese tipo de carreiras no seu calendario, porque, sen dúbida, enriquécenos como ciclistas.
Hai moito interese, xa que logo, en comprobar como se baten os nosos nesta nova oportunidade neses escenarios, aos que nos achegamos todos nós deste xeito que nos ofrece actualmente a tecnoloxía. Dese modo, poderemos sentir máis cerca a competición e valorar con máis fundamento os resultados que consigan na carreira.
As ligazóns que se facilitan arriba, permítennos percorrer palmo a palmo o terreo.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario